Probas de autodiagnóstico da COVID. Manexo dos resultados

Probas de autodiagnóstico da COVID. Manexo dos resultados


  • As persoas con síntomas compatibles con COVID-19 deben consultar co seu médico
  • Desaconséllase o uso de probas de autodiagnóstico en persoas con síntomas compatibles con COVID-19


​Ante a utilización de probas de detección rápida de antíxenos de SARS- CoV-2 comercializadas como de autodiagnóstico da COVID-19, hai que ter presente o seguinte:

Persoa con síntomas compatibles con COVID-19 (caso sospeitoso). Non hai situación na que se recomende o uso de probas de autodiagnóstico ás persoas con síntomas compatibles porque, sexa o seu resultado positivo ou negativo, sempre deberán facer illamento e consultar con un profesional sanitario.

As persoas con síntomas compatibles con COVID-19 deberán comezar inmediatamente o illamento domiciliario e pedir cita decontado co seu médico, directamente ou a través do telefono 881 54 00 45 , para que valore o cadro clínico e, se procede, solicite unha proba diagnóstica de infección activa (PDIA). Asemade, deberá informar ás persoas coas que comparte domicilio, que mentres non se teña o resultado da PDIA deben evitar ás interaccións sociais e permanecer no domicilio o maior tempo posible.

Información sobre como realizar o illamento domiciliario pódese obter nesta ligazón.

Persoa sen síntomas compatibles con COVID-19. As persoas sen síntomas compatibles con COVID-19 poden realizar unha proba de autodiagnóstico ben na farmacia, baixo a supervisión do farmacéutico, ou ben realizala noutro lugar sen supervisión. Cando se realiza supervisada, o farmacéutico rexistra o resultado da proba e con el emite un Certificado de proba diagnóstica da Consellería de Sanidade.

Resultado positivo: As persoas que obteñan un resultado positivo serán consideradas casos sospeitosos e deberán comezar inmediatamente o illamento domiciliario [ligazón] e informar ás persoas coas que comparte domicilio de que, mentres non teña un resultado definitivo, deben evitar ás interaccións sociais e permanecer no domicilio o maior tempo posible.

  • As persoas con resultado positivo que realizaron o autodiagnóstico COA supervisión do farmacéutico, recibirán nas seguintes 24 horas unha chamada de Saúde Pública que lle fará unha pequena enquisa e solicitará cita para realizar unha PCR.

  • As persoas con resultado positivo que realizaron o autodiagnóstico SEN a supervisión do farmacéutico, teñen que chamar ao número 881 54 00 45, que inicia un procedemento semellante ao descrito no parágrafo anterior.

Resultado negativo: As persoas que obteñan un resultado negativo non teñen nada particular que facer e poden seguir coa súa vida, mantendo sempre as medidas de prevención e control da transmisión que estean vixentes (uso de máscara, distancia social, hixiene de mans). Ademais debe saber que:

  • o resultado negativo non se pode utilizar para acurtar ou finalizar o período de illamento ou de corentena.

  • o resultado negativo non serve para certificar a ausencia de infección activa de cara a obter o certificado COVID dixital de proba negativa.

  • o resultado negativo avalado co Certificado de proba diagnóstica da Consellería de Sanidade entregado pola farmacia serve como certificado de proba negativa de cara ao acceso aos locais dos concellos con este tipo de restrición [ligazón].



Resumo: Actuación en función do resultado da proba de autodiagnóstico:

  • Autodiagnóstico realizado CON supervisión e resultado POSITIVO: illamento + esperar a chamada de Saúde Pública.

  • Autodiagnóstico realizado SEN supervisión e resultado POSITIVO: illamento + chamar ao 881 54 00 45

  • .

  • Resultado NEGATIVO: Vida normal seguindo as recomendacións de control da COVID-19.




versión: 01 29/07/2021
Este documento pode sufrir modificacións. Ver actualizacións en: 
https://www.sergas.gal/Saude-publica/COVID-19-DXSP


Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde