Preguntas e respostas sobre o novo coronavirus (COVID-19)

QUE É O NOVO CORONAVIRUS?

Os coronavirus son unha ampla familia de virus que normalmente afectan só a animais. Algúns teñen a capacidade de transmitirse dos animais ás persoas. O novo coronavirus SARSCoV-2 é un novo tipo de coronavirus que pode afectar ás persoas e que se detectou por primeira vez en decembro de 2019 na cidade de Wuhan, provincia de Hubei, en China. Aínda hai moitas cuestións que se descoñecen en relación á enfermidade que produce: COVID-19.

CALES SON OS SÍNTOMAS DE COVID-19?

Os síntomas máis comúns inclúen febre, tose e sensación de falta de aire. Nalgúns casos tamén pode haber síntomas dixestivos, como diarrea e dor abdominal. A maioría dos casos presentan síntomas leves. En casos máis graves, a infección pode causar pneumonía, dificultade importante para respirar, fallo renal e incluso a morte. Os casos máis graves xeralmente se dan en persoas de idade avanzada ou que padecen algunha enfermidade crónica, como enfermidades do corazón, do pulmón ou problemas de inmunidade.

CANDO DEBO USAR MÁSCARA?

O uso de máscaras evita o contaxio a outras persoas. É obrigatorio o seu o uso cando non é posible manter a distancia de seguridade e no transporte público.

Debe considerarse como unha medida complementaria e non como substitución das medidas preventivas establecidas: distanciamento físico, tusir e esbirrar na parte interna do cóbado, hixiene frecuente de mans e evitar tocar a cara, o nariz, os ollos e a boca.

QUE TEÑO QUE FACER SE TEÑO SÍNTOMAS?

As persoas que presenten síntomas respiratorios (febre, tose e sensación de falta de aire) estiveran recentemente (nos 14 días previos) nunha zona de risco e/ou tiveran contacto estreito cunha persoa que sexa un caso confirmado, deberán quedar no seu domicilio e contactar cos servizos de saúde telefonicamente chamando ao teléfono 900400116. Contactar só telefonicamente co 061 nas emerxencias e casos graves.

Se pertence á poboación de risco como enfermo crónico ou inmunodeprimido así como no caso das mulleres embarazadas, advirta da súa situación cando chame.

Os servizos sanitarios valorarán o seu estado de saúde, o antecedente de viaxe e o posible contacto con casos de coronavirus.

COMO SE TRANSMITE O NOVO CORONAVIRUS?

A transmisión é por contacto estreito (menos de 1,5 metros de distancia durante polo menos 15 minutos) coas secrecións respiratorias que se xeran coa tose ou o esbirro dunha persoa enferma.

Estas secrecións infectarían a outra persoa se entran en contacto co seu nariz, os seus ollos ou a súa boca.

CANTO TEMPO SOBREVIVE O VIRUS NUNHA SUPERFICIE?

O coronavirus ( COVID-19) é estable durante varias horas en pequenas partículas flotantes, coñecidas como aerosois, e ata dous ou tres días en plástico e aceiro inoxidable. Un estudo publicado no New England Journal of Medicine en marzo concluíu que o novo coronavirus pode sobrevivir catro horas en cobre, 24 horas en cartón, 48 horas en aceiro inoxidable e 72 horas en plástico. Elimínase facilmente limpando as superficies con auga e xabón ou desinfectantes virucidas.

Se cre que unha superficie pode estar infectada, límpea cun desinfectante común para matar o virus e protexerse deste modo a vostede mesmo e aos demais. Lave as mans cun desinfectante a base de alcohol ou con auga e xabón. Evite tocar os ollos, a boca e o nariz.

É POSIBLE CONTAXIARSE DE COVID-19 POR CONTACTO CUNHA PERSOA QUE NON PRESENTA NINGÚN SÍNTOMA?

A principal forma de propagación da enfermidade é a través das gotículas respiratorias expeliadas por alguén ao tusir. O risco de contraer a COVID-19 de alguén que non presente ningún síntoma é moi baixo, moitas persoas que contraen a COVID-19 só presentan síntomas leves. Isto é particularmente certo nas primeiras etapas da enfermidade. Non obstante, é posible contaxiarse de alguén que, por exemplo, soamente teña unha tose leve e non se sinta enfermo.

CANTO DURA O PERÍODO DE INCUBACIÓN DA COVID-19?

O período de incubación é o tempo que transcorre entre a infección polo virus e a aparición dos síntomas da enfermidade. A maioría das estimacións respecto ao período de incubación da COVID19 oscilan entre 1 e 14 días, e en xeral sitúase ao redor a cinco días.

Cando unha persoa se infecta co virus, os síntomas tardan en aparecer en termo medio de 5 a 6 días, pero poden tardar ata 14 días.

É POSIBLE CONTAXIARSE DE COVID-19 POR CONTACTO COAS FECES DUNHA PERSOA QUE PADEZA A ENFERMIDADE?

O risco de contraer a COVID-19 por contacto coas feces dunha persoa infectada parece ser baixo.

Aínda que as investigacións iniciais apuntan a que o virus pode estar presente nalgúns casos nas feces, a propagación por esta vía non é un dos rasgos característicos do brote. Non obstante, trátase dun risco e polo tanto é unha razón máis para lavar as mans con frecuencia, despois de ir ao baño e antes de comer.

EXISTE UN TRATAMENTO PARA A COVID-19?

Aínda non existen vacinas nin medicamentos específicos que poidan previr ou curar o virus. Os científicos están a traballar para desenvolver unha vacina. Con todo, é importante lembrar que moitos dos síntomas da enfermidade por coronavirus ( COVID-19) poden tratarse, e que os resultados poden mellorar se se busca atención médica a tempo. A maioría dos pacientes recupéranse con tratamento complementario.

QUE PODO FACER PARA PROTEXERME/PROTEXER AOS DEMAIS?

As medidas xenéricas de protección individual inclúen:

• Hixiene de mans frecuente (lavado con auga e xabón ou solucións alcohólicas), especialmente despois de contacto directo con persoas enfermas ou o seu contorno.

• Ao tusir ou esbirrar, cubrir a boca e o nariz co cóbado flexionado.

• Usar panos desbotables e tiralos despois de usalos.

• De presentarse síntomas respiratorios, evitar o contacto próximo con outras persoas (mantendo unha distancia dun metro e medio ).

• Evitar tocar os ollos, o nariz e a boca, xa que as mans facilitan a transmisión. Non hai que tomar precaucións especiais en España nin cos animais nin cos alimentos para evitar esta infección.

HAI RECOMENDACIÓNS PARA A POBOACIÓN VULNERABLE?

As persoas con enfermidades crónicas ou inmunodeprimidas deberán seguir as mesmas indicacións como para a poboación xeral, extremando as medidas de hixiene e protección e evitar, na medida do posible, saír da casa. Cómpre facer uso da protección que se utiliza habitualmente nas situacións nas que sexa necesario.