Preguntas e respostas sobre o novo coronavirus (COVID-19)

Preguntas e respostas sobre o novo coronavirus (COVID-19)

QUE É O CORONAVIRUS?

Os coronavirus son unha ampla familia de virus que normalmente afectan só a animais. Algúns teñen a capacidade de transmitirse dos animais ás persoas. O novo coronavirus SARSCoV-2 é un novo tipo de coronavirus que pode afectar ás persoas e que se detectou por primeira vez en decembro de 2019 na cidade de Wuhan, provincia de Hubei, en China. Aínda hai moitas cuestións que se descoñecen en relación á enfermidade que produce: COVID-19.

CALES SON OS SÍNTOMAS DE COVID-19?

Os síntomas máis comúns inclúen febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de garganta, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral. Nalgúns casos tamén pode haber síntomas dixestivos, como diarrea, vómitos e dor abdominal. A maioría dos casos presentan síntomas leves. En casos máis graves, a infección pode causar pneumonía, dificultade importante para respirar, fallo renal e incluso a morte. Os casos máis graves xeralmente se dan en persoas de idade avanzada ou que padecen algunha enfermidade crónica, como enfermidades do corazón, do pulmón ou problemas de inmunidade.

COMO SE TRANSMITE O NOVO CORONAVIRUS?

A transmisión é por contacto estreito (menos de 1,5 metros de distancia durante polo menos 15 minutos) coas secrecións respiratorias que se xeran coa tose ou o esbirro dunha persoa enferma.

Estas secrecións infectarían a outra persoa se entran en contacto co seu nariz, os seus ollos ou a súa boca.

CANDO DEBO USAR MÁSCARA?

Para as persoas de seis ou mais anos será obrigatorio o uso da máscara en lugares pechados, aínda que se poida garantir a distancia de seguridade interpersonal de 1,5 metros. Esta deberá cubrir parte do tabique nasal ata o queixo incluído.

Excepcións, entre outras, no exercicio de deporte individual en espazos ao aire libre ou na vía pública, exclusivamente durante a realización da práctica  deportiva, sempre que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, poida garantirse o mantemento, en todo momento, da distancia de 1.5 metros con outras persoas ou deportistas non conviventes.

QUE TEÑO QUE FACER SE TEÑO SÍNTOMAS?

Quédese na casa e pida unha cita telefónica con seu centro de sáude ou no 881 540 045. Sga as súas instruccións e recomendacións.

É POSIBLE CONTAXIARSE DE COVID-19 POR CONTACTO CUNHA PERSOA QUE NON PRESENTA NINGÚN SÍNTOMA?

Si pero teña en conta que o  risco de contraer a COVID-19 de alguén que non presente ningún síntoma é moi baixo, moitas persoas que contraen a COVID-19 só presentan síntomas leves. Isto é particularmente certo nas primeiras etapas da enfermidade. Non obstante, é posible contaxiarse de alguén que, por exemplo, soamente teña unha tose leve e non se sinta enfermo.

CANTO DURA O PERÍODO DE INCUBACIÓN DA COVID-19?

Cando unha persoa se infecta co virus, os síntomas tardan en aparecer en termo medio de 5 a 6 días, pero poden tardar ata 14 días.

O período de incubación é o tempo que transcorre entre a infección polo virus e a aparición dos síntomas da enfermidade. A maioría das estimacións respecto ao período de incubación da COVID19 oscilan entre 1 e 14 días, e en xeral sitúase ao redor a cinco días.

QUE PODO FACER PARA PROTEXERME/PROTEXER AOS DEMAIS?

As medidas xenéricas de protección individual inclúen:

    1. Hixiene de mans frecuente (lavado con auga e xabón ou solucións alcohólicas), especialmente despois de contacto directo con persoas enfermas.

    2. Ao tusir ou esbirrar, cubrir a boca e o nariz co cóbado flexionado. 

    3. Usar panos desbotables e tiralos despois de usalos. 

    4. De presentarse síntomas respiratorios ou ser considerado caso sospeitoso, cumprir as condicións de illamento evitando o contacto próximo con outras persoas e cumprir estritamente co uso correcto da máscara. 

    5. Evitar tocar os ollos, o nariz e a boca, xa que as mans facilitan a transmisión. 

HAI RECOMENDACIÓNS PARA A POBOACIÓN VULNERABLE?

As persoas con enfermidades crónicas ou inmunodeprimidas deberán seguir as mesmas indicacións como para a poboación xeral, extremando as medidas de hixiene e protección e evitar, na medida do posible, saír da casa. Cómpre facer uso da protección que se utiliza habitualmente nas situacións nas que sexa necesario.



Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde